luns, 26 de outubro de 2015


COMO SERÍA A MÚSICA?

Eu amo a música. Vivo para escoitar cancións ata a saciedade, agardar con impaciencia o lanzamento dun álbum e para descubrir artistas. Non existe mellor sensación ca de ter nas miñas mans un novo instrumento musical , limpo e afinado, listo para comezar a amosarme como funciona. Tampouco é posible explicar con palabras a calor no peito que dan os aplausos do público ao rematar un concerto.


Unha das marcas culturais máis importantes de calquera sociedade é a música. Nela reflíctense a forma de vida, os desexos e os medos das persoas dun lugar e dun tempo determinado. 
En cada lugar e en cada época aparecen distintos estilos e instrumentos que nos axudan a facernos unha idea de como é ou era a visión do mundo alí.


Eu penso que non somos capaces de comprender a cultura castreña na súa totalidade porque non temos vestixios dun dos seus rasgos máis reprensentativos. Atreveríame a apostar que ningún de vós endexamais se parou a pensar como serían as melodías e os ritmos que esas xentes tocaban nas festas, tarareaban ao traballar o campo e cantaban aos meniños antes de durmir.


A maior parte da música que se toca en Galicia hoxe en día provén de correntes extranxeiras do seculo XX como o rock ou o pop. Aínda así existen estilos autóctonos. O problema é que non é doado datalos tempo atrás. Ao non existir un método de escritura musical no mundo antigo é imposible saber como eran con exactitude os sons dos castros.

Siniestro Total, grupo vigués de punk-rock

A xente tende a asociar a música tradicional galega co folk. Este é o termo empregado para referirse á musica folclórica modernizada. Á súa vez, a música folclórica é aquela que se transmite de xeración en xeración levando consigo os valores e a cultura do pobo. Pero en xeral, as tradicións musicais folclóricas e rexionais adoitan datar de poucos séculos atrás, sendo imposible relacionalas cunha cultura tan antiga como a castreña.


A pesar de todo, as zonas onde houbo asentamentos indoeuropeos seguen a conservar instrumentos e danzas semellantes. Por iso, moita xente usa termos como “música celta”. Isto xera bastante confusión porque a música celta abrangue tanto as músicas contemporáneas como as tradicionais dun espazo xeográfico determinado.

Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira

Ao non ter vestixios dunha música castreña non nos queda outra que imaxinala. Iso si, baseándonos en datos históricos e nos obxectos atopados en xacementos xeolóxicos.

Penso que nas festas a xente bailaría ao son las frautas e das cornetas feitas de madeira ou corno. Para soster isto baséome no feito de que a frauta é un instrumento sinxelo de fabricar e que estivo presente en todas  as culturas antigas. Ademáis, podemos pensar que foi un antecedente á aparición da gaita.
Outro instrumento que podería estar presente é a arpa de boca ou birimbao. Este instrumento apareceu séculos antes de cristo e hoxe en día relaciónase co folclore. 
Arpa de boca


Tamén estarían presentes instrumentos de percusión similares aos tambores, ás pandeiretas e aos pandeiros actuais. Estes estarian feitos de madeira e pel de animais.  
Pode que existisen tamén instrumentos cerámicos parecidos ás ocarinas.
Eu penso que a música basearíase sobretodo na percusión e no ritmo, pois estaba fortemente relacionada coa danza. 

Seguramente o momento no que se tocaba música por excelencia era nas festas. Aínda que a idea de ter cancións para amenizar o traballo doméstico ou no campo pode que tamén sexa acertada. 
Habería tanto pezas instrumentais como cantares cunha mensaxe nas linguas propias. O máis probable e que fosen dirixidas aos deuses paganos, á natureza e ao paso do tempo ou que contaran contos, costumes e sentimentos.

En conclusión, coñecer con exactitude como era a tradición musical dos nosos ancestros é unha tarea imposible, pero nunca ven mal facer o esforzo e votarlle unha pouquiña imaxinación. Pois para antender quen somos temos que descubrir quen fomos. 


(Se queres ler sobre os instrumentos galegos de toda a historia, aquí hai moita información).