domingo, 13 de marzo de 2016

COMICEPCION

Tendemos a pensar que os grandes creadores veñen de lugares lonxanos. Como consecuencia, asumimos que aínda que pensemos, estudemos, nos esforzemos ou innovemos, as nosas manifestacións artísticas non van a acadar nunca importancia, fama nin prestixio. Todos estes pensamentos pesimistas son resultado da máis pura ignorancia, pois descoñecemos que hai unha enorme cantidade de fascinantes creacións coas súas raíces ven ancladas na nosa terra. Isto deixa moi claro que os grandes creadores son de aquí, alí e de todas partes; como dirían os Beatles: here, there and everywhere.

O outro día estivemos falando na clase sobre os comics e, como acabo de dicir, a meirande parte dos alumnos tiñamos asumido que o bó viña de fóra (Xapón, Bélxica, Estadados Unidos...). Non nego que as novelas gráficas destes lugares sexan boas, é máis, hainas incríbles. Non obstante, non é necesario buscar tan lonxe para atopar boas obras, pois aquí xa temos talento dabondo. Hay numerosos exemplos que xustifican as miñas palabras, pois so hai que teclear "comics Galicia" ou "comics en galego" en Google para comprobalo.

Elexir unha obra galega é analizala ou dar a miña opinión sobre ela non me parecía o adecuado á hora de falar dos "comics en Galicia", xa que este é un gran colectivo e a tarefa de representalos a todos a través dun só libro asemellábase imposible. Polo tanto, tiven a idea de facer o meu propio comic e reflexar nel o pensamento pesimista e os prexuízos da xente ante as creacións nacionais. Nas miñas viñetas non nombro ningún comic galego en concreto, pero pode ser aplicable ao que o lector desexe. Indo ao grano, preséntovos unha nova manifestación da cultura galega:



domingo, 6 de marzo de 2016


EU SON MATISSE

Era un sábado moi gris. Erguinme cedo pola mañá para ir a clase de pintura, mellor dito, a clase de arte, pois non nos limitabamos a debuxar como o resto de nenos, senón que aprendiamos que era de verdade a arte.  Adoraba ir a esa clase, levaba alí dende os tres anos e fixera unha morea de amigos como Papel, Trapito, Pincel... Si, non estás lendo mal, na escola cada rapaz adoptaba un pseudónimo, como fan os famosos de verdade! Logo, cando un chegaba aos nove anos, como xa era todo un veterano, poñíase o nome do seu pintor favorito para que este lle pasase os seus coñecementos de xeito sobrenatural. Así foi como eu pasei de ser Esponja a ser Matisse.

Debuxo feito na escola 

Bueno, volvendo á historia, recordo que meu pai me deixara fronte á porta da aula e, ao abrila, vin algo que me desconcertou bastante: había unha cámara destas que se ven na tele, máis grandes ca unha maleta, subida a un trípode moi alto. Un home cuns cascos miraba a través dela. Ao seu carón outro home termaba dun pao cunha mopa lila enorme. Nese intre lembrei que a profe dixera que íamos sair nunha película, pero eu non a crera. Entrei con timidez e sentei cos meus compañeiros. Ese día estabamos todos moi quietos, cousa rara, e pasamos a mañá debuxando caladiños un bodegón algo aburrido. Evitabamos mirar á cámara fixamente, coma se esta nos fora abducir. Como o fan os actores de verdade? Como están tan panchos con semellante parafernalia? Eu, ao igual que o resto de nenos, pensaba que facer unha peli era outra cousa, con camerinos, cun director bohemio, con todo tipo de luxos y cun guión para aprenderse. Resulta que esto tamén era cine...

Era un sábado soleado. Abrín a porta da clase e os homes coas cámaras seguían alí, como se non se moveran dende a semana pasada. Entrei ignorando todo o tinglado. Ese día había algo novo na aula, un perchero enorme que ocupaba toda unha parede. Puxéranno para que tivésemos os nosos mandilóns máis a man e, para evitar confusión, a cada un nos asignaron un colgador. Pasamos a clase facendo carteliños cos nosos nomes para pegalos no perchero. Eu fixen un autorretrato a lápis e debuxei unhas estrelas ao meu redor, pero o problema veu á hora de escribir o nome... Como se escribe Matisse? Matisse ou Matise? Levaba pouco tempo co meu novo pseudónimo e aínda non estaba segura, así que puxen Matise para aforrarme unha letra.




Moitos sábados máis pasaron. Os homes seguían a gravar. Non obstante, esquecíame de que estaban alí e só me lembraba cando tropezaba con algún cable. Ao resto dos meus compañeiros tamén lles pasou o mesmo e a clase volveuse a encher cos nosos berros, risas e salpicaduras de pintura habituais. Supoño que este era o obxectivo dos homes das cámaras, xa que no seu filme tentaban plasmar como era a vida na escola durante todo un curso e, para iso, tiñamos que comportarnos con normalidade. Igual que os elefantes dos documentais da 2. Documentais! Iso era! Eu ao principio estaba decepcionada ao descubrir que facer unha película non era como o imaxinara, pero ao pouco tempo comprendín que estaba formando parte dun documental, unha maneira aínda máis interesante de contar as cousas e comencei a sentirme orgullosa de saír nel.  

Autorretrato

Algúns sábados faciamos saídas para ir ver museos ou para pintar ao aire libre. Encantábanme esas excursións porque a xente pola rúa miraba todo o rato ás cámaras e se preguntaba que estaría a pasar. Lembro que un día fomos ao Museo de Historia Natural, cando aínda estaba preto de Amboage. Tratábase dunha casa de madeira, pequena e vella, e agora que o penso, debeu costar bastante meter o equipo alí dentro. Tamén fomos ao Cantón, ao porto e a moitos outros lugares. 


O curso rematou e ao ano seguinte había un valeiro na aula. Non había ninguén gravando. Co tempo fomos esquecéndonos e todo voltou ser como había xa moito tempo, tanto que case nin nos acordabamos. Estabamos impacientes por ver o documental listo, pois pensabamos que o proceso de montaxe non era tan longo como en realidade é. Que parvos...

Farol do Cantón

As palmeiras do porto de Ferrol


Moito despois, no 2011, cando xa me olvidara completamente do asunto e perdera de vista aos meus compañeiros, recibín a nova de que a película ía a ser estreada no Carvalho Calero. Para min, asistir a esta premiere foi como estar na alfombra vermella acompañada de estrelas de Hollywood. Nada máis entrar ao auditorio, vin aos homes das cámaras e aos nenos da escola tal e como eu os lembraba. Agasalláronnos a cada un cun libro, todos eles sobre distintos movementos artísticos. A min tocoume o do Romanticismo, que tiña na portada unha das miñas obras preferidas: "O viaxeiro fronte un mar de nuves".



 Sentamos nas butacas, apagáronse as luces e apareceu o título do documental en pantalla: "Matisse se escribe con dos eses". Nese intre non puiden evitar un sorriso na miña cara. Resulta que un erro tan tonto do meu eu de nove anos acabou converténdose no título deste precioso proxecto.





domingo, 21 de febreiro de 2016


UNHA CANCIÓN DE REBELDÍA


Sempre que pensamos na palabra "rebelión" aparecen na nosa mente imaxes de xente armanda, o son de disparos, rúas ardendo, explosións, etc. Desgraciadamente, é certo que moitas veces un levantamento violento é a única maneira de exixir dereitos, liberdades ou pelexar por moitas outras inxustizas. Non obstante, dende o principio dos tempos estivo presente unha rebeldía pacífica, tranquila e incluso humorística que servía para propagar ideas sen perxudicar gravemente a ningún ser vivinte. Por exemplo, os poetas, os pintores, os músicos, os cineastas e moitos outros artistas plasmaron as decadencias da sociedade cunha intención claramente crítica e, sobre todo, rebelde. O primeiro no que pensa a xente é nos Hippies dos anos 60 que, en Estados Unidos, que se xuntaron fronte a Guerra de Vietnam. Este feito foi moi importante e marcou transcendentalmente a historia, pero non é necesario cruzar o Atlántico para encontar rebeldía artística.

Na Idade Media, o galego era a lingua oficial da lírica, e trobadores de nosas terras, xunto con moitos outros extranxeiros, escribían cantigas neste idioma. Seguro que todos teredes escoitado falar da famosa clasificación en cantigas de amor, cantigas de amigo e cantigas de escarnio e maldicir. Estas últimas eran sátiras nas que criticaban e cuestionaban temas morais, sociais, políticos e mesmo literarios.

A cantiga que ven a continuación, do trobador Pero Gómez Barroso, critica a un nobre o cal non acudiu á chamada da guerra salientado así o seu espírito cobarde. Poderíamos encadrala dentro do grupo de cantigas que se burlaron dos nobres que non quixeron seguir ao rei Alfonso X en 1265 para loitar contra o rei de Granada:

Chegou aquí Don Foao e veo mui ben guisado;           
pero non veu ao maio, por non chegar endoado,
demos-lhi nós ua maia das que fezemos no maio.

Per boa fé, ben guisado chegou aquí Don Foao;
pero non veo no maio, mais por non chegar en vao,
demos-lhi nós ua maia das que fezemos no maio.

Porque veo en guisado, con tenda e con reposte,
pero non veo eo maio nen veo a Pintecoste,
demos-lhi nós ua maia das que fezemos no maio.

Pois traje reposte e tenda, en que se tenha viçoso,
pero non veo no maio, por non ficar perdidoso, 
demos-lhi nós úa maia das que fezemos no maio.

En galego actual:
 
Chegou aquí Don Fulano, moi ben preparado, xa que non veu en maio, para non vir de baleiro, démoslle unha malla das que fixemos en maio. 
Abofé, ben preparado chegou aquí Don Fulano; e xa que viu en maio, para non vir sen proveito démoslle unha...
Porque veu ben preparado, con tenda en enxoval, aínda que non veu en maio, nin en Pentecostés, démoslle...
Xa que trouxo enxoval e tenda na que estaba cómodo, aínda que non veu en maio para evitar perdas, démoslle...



Esta outra cantiga é unha sátira contra o infante don Manuel, irmán de Alfonso X:

Morte'é don Martín Marcus! Ay Deus, se é verdade!
Sey ca, se el é morto, morta é torpidade,
mort é bavequya e morta neyciidade,
morta é covardía e morta é maldade.
Se don Martinh'é morto, sen prez e sen bondade,
ôy mays , maos costumes, outro senhor catade;
mays nono acharedes de Roma atá cidade:
se tal senhor queredes, alhu'-lo demandade.
Pero hun cavaleyro sey eu, par caridade,
que vus ajudari'a tolher d'el soydade;
mays per que vus eu diga ende ben a verdade;
non est rey, nen conde, mays é-x'outra podestade,
que non direy, que direy, que no direy...

Transcrición:
Morreu don Martín Marcos! Ai Deus, se é verdade! Sei que se el morreu, morreu a torpeza, morreu a estupidez, morreu a necedade, morreu a cobardía e morreu a maldade.
Se don Martín morreu, sen mérito e sen bondade, a partir de hoxe, malos costumes buscádevos outro señor; pero non o atoparedes dende Roma ata esta cidade: se desexades tal señor, buscádeo noutro lugar. 
Aínda que sei dun cabaleiro, por caridade, que vos axudaría a esquecelo: direivos a verdade: non é rei, nin conde, pero ten outro título, que non direi, que non direi...



IRMANDIÑADAS. A PELÍCULA

O outro día na clase o profe dixo que o tema dos irmandiños daría para unha boa superprodución ao estilo Braveheart.  Nesa clase imaxinei o emocinante que sería estar detras dunha película de tal calibre e pareceume unha idea interesante plasmar este sentimento na miña próxima entrada e, de paso, aproveitar para contar os sucesos históricos transcendentais. Inventeime unha historia na que eu, prácticamente con 40 años, son unha afamada directora de cine que leva a cabo este proxecto.



luns, 1 de febreiro de 2016

CATÁSTROFE

CATÁSTROFE

Cando o desastre do Prestige tivo lugar, a desoladora realidade creaba un gran contraste coa despreocupación dos políticos. Con este pequeno video trato de recrear esta paradoxa á vez de amosar a indignación social e a xenerosidade dos voluntarios. 


sábado, 23 de xaneiro de 2016

PULPO FICTION


PULPO FICTION

O outro día estabamos a falar na clase da guerra contra os franceses (mal chamada Guerra de Independencia) e Manolo o profe dixo que algúns episodios poderían ser totalmente dignos dunha peli de Tarantino, pois os franceses tiveron o gran fallo de utilizar a forza e a violencia. Con este comentario acendéuse unha bombilla no cerebro. Por que non parodiar unha película de Tarantino para a miña próxima entrada? Cheguei a casa e púxenme a cavilar. Que peli?? Entón lembreime dunha escena moi destacada de Pulp Fiction onde se comparan certos aspectos de Europa con outros aspectos de América. Perfecta escena para comparar a vida en Francia coa vida en Galicia durante a guerra!! Decida a escena fixen un guión, conseguín actores, ideei un uniforme de soldado francés e púxeme a grabar. A rodaxe foi moi entretenida, pero saíron máis tomas falsas que tomas ben feitas... Esa mesma tarde editei a miña "obra maestra" e, aínda que esta feita co Movie Maker, creo que quedou decente:

https://youtu.be/C2VeNfjtH_g

Aquí deixo a escena da peli orixinal para comparar os resultados:

https://youtu.be/OLK6iiPtUU0


Durante a guerra había galegos que non estaba en contra das ideas francesas, xa que estas supoñían un gran progreso en todos os sentidos. Ese grupo de afrancesados tratábase dunha pequena minoría de xente de clase acomodada en con un certo nivel de estudos. Pero a meirande parte da poboación traballaba no campo controlados polo poder dos señores das terras e da igrexia. Estas persoas, que non sabían das melloras que poderían traer as ideas francesas, loitaron con valentía contra o invasor defendendo o seu. Galicia consegui botar ás tropas que viñan de Francia con total rapidez, deixando patente que a nosa nación ten o poder para unirse e erguerse contra o inimigo.

luns, 11 de xaneiro de 2016

A CASA


Na miña familia temos unha casa na ladeira do monte. Trátase da vivenda da familiar da miña 
tataravoa e foi construida a principios do século XIX. A pesar de ser unha casa de labregos, é de bo tamaño, e vista dende fóra semella unha gran mole de pedra recebada, onde as fiestras da fachada posterior miran cára a ría de Cedeira. Está situada nunha finca de terreo desnivelado que forma unha pendente importante. 

CAPÍTULO I


A principios do século XX vivían o meu tataravó, a miña tataravoa e un fillo seu que quedara solteiro.
Daquela a casa por fóra estaba pintada de cor branca a excepción do primeiro metro a ras do chan, onde se conservaba a pedra orixinal.


Nesta época a casa tiña tres pisos. A planta baixa poderíase dividir en dúas partes ben diferenciadas: o comedor e  corte.

O comedor era unha ampla estancia onde a familia e varios veciños xantaban, facían as tarefas domésticas e pasaban os ratos libres. Nunha esquina atopábase unha lareira que servía para cociñar e quentar a casa. Os únicos mobles que había eran un aparador para gardar a louza, unha mesa co seu correspondente banco e unhas poucas cadeiras, Na outra esquina, unha porta corrediza conducía a un lavadeiro no que había un pilón para lavar a roupa e para bañarse.

A corte era moi grande, pois nela vivían dúas vacas e unha morea de pitos e galiñas. Ata ben entrado o século XX tamén tiña a función de cuarto de baño, pois este é un invento máis novo do que parece.



No primeiro andar estaban as habitacións. Como daquela só servían para durmir, eran extremadamente modestas e non tiñan ningún tipo de decoración. O mobiliario poderíase resumir nunha cama de ferro con colchón de lá, unha ou dúas mesillas, un armario e unha pequena mesa cunha xerra e cunha palangana para lavar a cara polas mañás. 

Entre todas as habitacións había un salón-comedor onde se celebraban as reunións e comidas importantes.

O último andar era o faiado. Tratábase dun lugar moi extenso, pois ocupaba toda a superficie da construcción, Só contaba cunha fiestra para alumear o seu interior, polo que ata a chegada da bombilla a xente subía con candís ou lámpadas de gas.

Todos os mobles e as portas da casa eran de carácter pesado e rudo, xa que estaban deseñados para durar polo menos cen anos. Eran de madeira de carballo e estaban feitos a man.

As paredes do interior estaban pintadas de cores amarelos pero a estructura de madeira do teito quedaba ao descuberto.

Como na meirande parte das casas tradicionais galegas, na finca había un alpendre, un hórreo e unha bodega. Polo alpendre, que estaba contiguo á corte, paseaban as galiñas; no hórreo gardábase o millo e na bodega había un forno para facer o pan.

Ao lado da porta de entrada a casa atopábase un banco onde o tataravó botaba a sesta. En frente había un ciprés que daba moi boa sombra.

De entre todas as árboles que había no campo destacaba unha inmensa figueira. Era tan grande que impedía ver a paisaxe dende as ventás da casa.

A finca estaba cerrada por sebe polos laterais e por unha fila de loureiros na parte máis baixa. Só tiña muro na parte na cal lindaba con outra casa.

Para salvar o desnivel do terro había uns poucos escalóns enriba dos cales plantouse unha parra. 

Nesta época existía un pozo nalgún lugar da finca de onde se sacaba a agua para cociñar, beber e lavarse.


CAPÍTULO II


Nos anos 50 o tataravó quedou viuvo e outra filla foi vivir á casa co seu marido para coidalo. Aquí comzeron a darse algúns pequenos cambios por toda a vivenda.


A lareira cambiouse por unha cociña de gas e púxose auga corrente no pilón do lavadeiro, desaparecendo así o pozo.

Poucos anos despois compraron un televisor e, ao ser únicos do lugar que tiñan un, a casa enchñiase de veciños todas a tardes que ían ver os westerns.

Comezaron a aparecer tímidamente elementos decorativos, como fotos nas paredes e aquelas figuriñas en forma de anduriña que estaban tan de moda.

A corte dividiuse en tres partes por uns tabiques e construíronse un cuarto de baño e un dormitorio para o tataravó, pois estaba xa maior para subir tantas escaleiras. Como xa non cabían as galiñas, construise un corral baixo o hórreo.

CAPÍTULO III


No ano 1973 a miña aboa herdou a casa e fíxolle un lavado de cara a corde coa época.

Quitou o lavadeiro, puxo unha cociña de gas e mercou unha mesa inmensa para facer un comedor moderno. Encheuno todo de platos decorativos e puxo lámpadas de cristal.

Convertiu o que quedaba da corte nunha sala de estar. Os sofás estaban estampados con flores vermellas flores enormes e nas paredes había pinturas e fotografías novas. A tele vella cambiouse por outra en cor.

As habitacións, ao igual que o resto da casa, renováronse e decoráronse con milleiros de elementos vistosos e á última.

Os mobles que puxo a miña avoa, pese a ser o último grito no seu tempo eran de moi mala calidade e quedaron pasados de moda en cuestión de dez anos.

As paredes do interior pintáronse de cores fortes, e cada habitación tiña unha cor distinta. Por fóra a casa pasou a ser de cor rosa.  


O desnivel aproveitouse para facer unha terraza que consistiu nunha explanada de formigón a pleno sol.


O alpendre substituíuse por unhas xardineinas, o corral o hórreo transformuse nun tendal e o ciprés talouse. 

A tellado a dúas aguas da bodega cambiouse por un de uralita e o forno para facer pan por unha barbacoa.

A gran figueira talouse e no seu lugar puxéronse árbores novas todavía pequeniñas.

A finca foi cerrada por un muro, pois construíronse moitas casas ao seu redor.

CAPÍTULO IV


Estamos no século XXI e a casa segue igual...